Galego
Radoje Domanović (16 de febreiro de 1873 – 17 de agosto de 1908) foi un escritor, xornalista e profesor serbio, moi famoso polos seus satíricos relatos curtos.
Radoje Domanović naceu na vila de Ovsište, no centro de Serbia, fillo do mestre e empresario local Miloš Domanović, e de Persida Cukić, descendente de Pavle Cukić, un dos comandantes militares do Primeiro e Segundo Levante Serbio. Pasou a súa infancia na aldea de Gornje Jarušice, preto de Kragujevac, onde asistiu á escola primaria. Graduouse no ensino medio en Kragujevac e estudou lingua e historia serbias na Facultade de Filosofía da Universidade de Belgrado, onde se graduou tamén.
En 1895, Domanović conseguiu o seu primeiro nomeamento, un posto de profesor en Pirot, no sur de Serbia, rexión que fora liberada recentemente do Imperio otomán. En Pirot coñeceu a Jaša Prodanović (1867–1948), profesor e activista que axudou a conformar as súas opinións políticas. Alí tamén coñeceu á súa futura muller, Natalija Raketić (1875–1939), unha pobre profesora de Sremski Karlovci, que o apoiaría ao longo da súa curta e turbulenta vida e coa que tivo tres fillos.
Desde que se uniu ao Partido Radical Popular da oposición, entrou en conflito co réxime da dinastía Obrenović e foi transferido a Vranje a finais de 1895 e logo en 1896 trasladado de novo a Leskovac. A súa carreira de escritor comezou nos seus días de ensino, publicando o seu primeiro relato curto realista en 1895. Despois da súa primeira aparición pública contra o goberno en 1898, tanto el como a súa muller foron destituídos da función pública e Domanović mudouse coa súa familia a Belgrado.
En Belgrado comezou a traballar con outros escritores no semanario “Zvezda” (Estrela) e no xornal político de oposición “Odjek” (Eco). Nesta época comezou a escribir e publicar as súas primeiras historias satíricas, como “Demo” e “Abolindo pasións”. O ascenso á fama de Radoje produciuse coa publicación dos seus relatos máis famosos, “Líder” (1901) e “Stradija” (1902), nos que atacaba abertamente e deixaba ao descuberto a hipocrisía e as falacias do réxime.
Despois do golpe de Estado que puxo fin ao reinado de Aleksandar Obrenović en 1903, en plena popularidade, Domanović recibiu un posto de escribán no Ministerio de Educación e o novo goberno permitiulle ir a Alemaña por un ano de especialización, que pasou en Múnic. De volta a Serbia, Radoje atopouse decepcionado coa falta de calquera cambio real na sociedade. Comezou o seu propio semanario político, “Stradija”, no que seguía criticando as debilidades da nova democracia, pero a súa escrita xa non tiña a forza e a inspiración que tiña.
Radoje Domanović morreu media hora despois da media noite do 17 de agosto de 1908, aos 35 anos, despois dunha longa loita contra a pneumonía crónica e a tuberculose. Foi enterrado no novo cemiterio de Belgrado. Os seus traballos inéditos restantes perdéronse durante a Primeira Guerra Mundial.
Traballo literario
Algunhas das obras máis famosas de Radoje Domanović inclúen:
- Abolindo pasións, 1898
- Alzamento moderno, 1902
- Demo, 1898
- Kraljević Marko entre os serbios por segunda vez, 1901
- Líder, 1901
- Mar morto, 1902
- Marca, 1899
- Razoamento dun boi serbio común, 1902
O proxecto “Radoje Domanović” é mantido por Vladimir Živanović, enxeñeiro de calidade e entusiasta da literatura, co obxectivo de dixitalizar obras completas do escritor serbio Radoje Domanović e permitir aos lectores de todo o mundo ler as obras e traducións orixinais. As seguintes historias traducíronse especialmente para o proxecto e publícanse aquí por primeira vez:
Para o proxecto “Radoje Domanović” traducido por Noelia Pedrares.
[Contents of this biographical reference page were written for the “Radoje Domanović” Project with the goal of promoting the life and works of the famous Serbian satirist, Radoje Domanović, and are released into public domain. Editor]